A organización do Club de lectura “Fahrenheit 451” ten como finalidade principal o fomento da lectura entre un grupo específico de alumnos/as pero tamén, por extensión, presentar a lectura como unha actividade atractiva e dinámica a toda a comunidade escolar do IES Pintor Colmeiro. Para acadar este obxectivo tan ambicioso definimos os seguintes obxectivos específicos:
a) A formación dun grupo estable de lectura, o Club, entre o alumnado de 3º de ESO durante o curso 2007-08.
b) Fomentar o hábito de lectura e o diálogo entre os membros do Club.
c) Establecer vínculos no grupo baseados nos intereses comúns.
d) Crear un espazo de reunión para facilitar o intercambio de ideas no grupo.
e) Dar a coñecer obras literarias de autores clásicos e a versión cinematográfica.
f) Promover a lectura activa e crítica, analizando aspectos concretos das obras como o punto de vista, a creación dun personaxe, a construción do argumento…
g) Darlle visibilidade á lectura e ás actividades relacionadas con ela e presentalas da maneira máis atraínte posible.
Para a consecución dos obxectivos expostos desenvolveranse una serie de actividades nas que participarán os membros do Club pero que estarán abertas en todo momento a calquera outro membro da comunidade educativa. Estas actividades son as seguintes:
a) Reunións periódicas dos membros do Club para comentar as lecturas propostas.
Cada mes propoñerase una lectura ao grupo e farase unha pequena presentación contextualizada da mesma. Despois, cada membro realizará a lectura de xeito individual na casa e finalmente volveranse reunir a final de mes para comentala.
As obras foron escollidas atendendo á súa idoneidade para a franxa de alumnado comprendido entre os 13 e os 15 anos, aos seus intereses temáticos, á súa calidade como clásicos universais da literatura e por contar cunha versión cinematográfica de calidade.
b) Un cine-fórum mensual.
O último venres de cada mes relizarase unha proxección cinematográfica dunha versión da obra tratada. Irá seguida dun coloquio sobre os aspectos máis relevantes da película, similitudes, diferenzas… Esta actividade estará aberta a toda a comunidade educativa.










