Roald Dahl é un dos escritores británicos de libros para nenos máis populares pero no só escribiu para nenos, é tamén un autor moi admirado entre o público adulto. A súa vida foi bastante peculiar. Naceu en Gales en 1916. Os seus pais eran noruegueses e sempre estivo moi unido a ese país. De feito, a súa primeira lingua foi o noruegués.
De moi novo morreulle o seu pai pero a súa nai non volveu con el para Noruega senón que quedaron en Gran Bretaña para que puidese recibir unha educación británica tal e como quería o seu pai. Roald estivo en varios colexios ingleses onde lle aprenderon o que era a verdadeira “disciplina inglesa”. A súa nai preocupábase moito porque ás veces era demasiado duro. Pero tamén fixo moitos amigos e viviu anécdotas moi divertidas.
Logo de deixar a escola, entrou a traballar para a Shell, unha compañía petrolífera. Nuns anos mandárono destinado a Tanzania, onde traballou bastante tempo, o que lle deu ocasión de coñecer ese territorio e aprender unha lingua máis: o suahili. Alí colleuno o estoupido da Segunda Guerra Mundial (1939). Dahl quixo participar coma piloto no exército do aire británico (RAF). Case non o collen porque era demasiado alto (1′96 m.) Pasou parte da guerra pilotando cazas contra os italianos no deserto de Libia. Tivo un accidente bastante grave que case o deixa cego pero rematou a guerra como oficial de alto rango. Todas estas aventuras cóntaas no libro: Voando só.
Cando rematou a guerra foi enviado como oficial aos Estados Unidos. Alí coñeceu a súa muller, Patricia Neal, unha actriz americana. Casaron e tiveron cinco fillos. Traxicamente unha filla morreu de sarampelo e outro fillo sufriu unha grave enfermidade. Nos anos 60 volveron dos Estados Unidos a Inglaterra e establecéronse nunha casiña no campo. Roald tiña outra pequena casiña no xardín onde se metía a escribir. Alí foi onde creou moitos dos seus mellores libros.
Ademais de libros, Roald participou na escrita de varios guións cinematográficos coma por exemplo a película de James Bond Só se vive dúas veces e as adaptacións ao cine das súas propias obras.
Unha das cousas que fai os libros de Roald Dahl únicos é o uso do humor negro e da violencia. Dahl sabe sacar un sorriso de situacións que en principio poderían parecer tráxicas. Poderías atopar algún exemplo de humor negro e violencia no libro de Charlie e a fábrica de chocolate?
Outra das características dos libros de Dahl é que sempre nos presenta a historia dende o punto de vista dun neno, pero non por iso pasa a ser unha visión infantil ou parva.
Ridley Scott (1937) é un director de cine británico. É irmán do tamén director de cine Tony Scott. Foi nomeado en tres ocasións aos premios Oscar á mellor dirección. En xaneiro de 2003 foi nomeado cabaleiro pola raíña Isabel II.
O seu estilo eleva a importancia da experiencia sensorial (visual, sonora) nun filme. O cine de Scott utiliza á iluminación, a fotografía, a creación de ambientes e a sincronía coa música e o son coma “actores” adicionais que contribúen á experiencia total do espectador. Esta característica pode ser percibida nos máis de dous mil anuncios de televisión que Scott dirixiu.
Os seus primeiros filmes (especialmente Os duelistas, Alien, e Blade Runner) proporcionan ao espectador unha experiencia completa onde as escenas son recordadas non soamente polos actores que interveñen ou por momentos específicos do guión, senón polo ambiente recreado nelas.
Ridley Scott foi o primeiro en utilizar comercialmente a denominación “Director’s Cut” (a montaxe do director) para unha obra que o director reedita para o público e na que se aprecian diferenzas coa versión estreada orixinalmente.
Algunhas dos seus películas son consideradas coma auténticas obras de culto, especialmente Blade Runner e Alien, o oitavo pasaxeiro.
Outras obras de Scott son Thelma e Louise (1991), Gladiator (2000), Black Hawk derrubado (2001) ou American Gangster (2007).
Aquí tedes un avance da próxima película que nos toca ver. É o tema máis famoso da banda sonora de Blade Runner, composta por Vangelis, o “Love Theme”. Podedes ir intentando identificar aos principais personaxes mentres soa a música. Que o disfrutedes.
Deixando ao carón o enfoque simplista e optimista do mundo frecuente na “idade dourada” da ciencia fición, Dick explorou sistematicamente a natureza enigmática da realidade e a humanidade nas súas novelas, poboadas por xente traballadora corrente máis ca por superhomes galácticos. Adiantándose ao subxénero cyberpunk, Dick situou a acción de varias das súas novelas no mundo anómico de California do Norte. A súa aclamada novela O home no castelo (1962, gañadora do Premio Hugo) é unha obra pioneira que mestura os xéneros da ciencia fición e da historia alternativa. Tamén escribíu unha enorme cantidade de historias curtas e obras menores que foron publicadas por revistas pulp.
As súas obras caracterízanse por unha sensación de constante erosión da realidade. A miúdo, os protagonistas descobren que os seus seres queridos (ou ata eles mesmos) son sen sabelo robots, alieníxenas, seres sobrenaturais, espías sometidos a lavados de cerebro, alucinacións, ou calquera combinación destes.
A novela que escollemos para este mes é unha das máis populares deste autor: Soñan os androides con ovellas mecánicas?, que é a base da película Blade Runner, que veremos despois de ler o libro. Podes atopar máis información sobre este autor e a súa vida e obra na Wikipedia en galego, en castelán, en inglés ou na súa páxina oficial.
Moitos dos libros de S.E. Hinton foron adaptados ao cine. En 1983 o famoso director Francis Ford Coppola adaptou Rebeldes e, un ano máis tarde, A lei da rúa. As dúas películas tiveron moito éxito e deron a coñecer a unha nova xeración de actores novos coma Matt Dillon, Tom Cruise, Emilio Estévez, Patrick Swayze, Ralf Macchio e Mickey Rourke.
Coppola naceu en Detroit (1939). Comezou a súa carreira escribindo guións e realizando películas de baixo presuposto.
Pese a ter dirixido un importante número de películas, a primeira idea que nos vén á cabeza ao escoitar o seu nome é a triloxía O padriño [The Godfather] (1972, 1974, 1990), un mítico retrato de tres xeracións de mafiosos italoamericanos. Estas películas están baseadas na novela homónima do escritor Mario Puzo.
Outros importantes títulos da sús filmografía son: Apocalipse now (1979), The Cotton Club (1984) ou Dracula (1994).
Ademais de director de cine, Coppola é produtor e mesmo viticultor. Varios membros da súa familia teñen relación coa sétima arte, coma a súa filla, a tamén directora Sofia Coppola, ou o actor Nicolas Cage, sobriño do cineasta.
S.E. Hinton (1948) naceu en Tulsa, no Estado de Oklahoma, no medio dos Estados Unidos. É unha das mellores escritoras de literatura xuvenil.
A Susan gustáballe moito ler cando estaba no instituto pero non había moitos libros interesantes para a xente nova, non existía a que agora chamamos “literatura xuvenil”. Por iso, cando tiña dezasete anos púxose a escribir o libro que lle gustaría ter lido, un libro que falase das cousas que pasaban ao seu redor, cunha linguaxe que fose a que usaban os seus amigos. Trátase de The Outsiders (Rebeldes), que foi un grande éxito.
Con todo, o seu nome aparecía normalmente coas iniciais S.E. Hinton para que os críticos non souberan que era unha rapaza. En 1975 publica Rumble Fish (A lei da rúa), que tivo o mesmo éxito ca Rebeldes. Ten unha temática semellante á de Rebeldes: os problemas aos que se enfrontan os mozos nun ambiente de precariedade socioeconómica, a delincuencia xuvenil, a cultura das bandas…
Tanto Rebeldes coma A Lei da rúa teñen como protagonistas a mozos adolescentes. A mocidade nos Estados Unidos dos anos 50 e 60 tiña moitos dos problemas que se pode ter hoxe en día pero non eran tema de interese literario. Pero pronto moitos escritores e guionistas decatáronse de que a temática xuvenil era o que atraía os mozos aocine. Así foi como moitos libros e películas comezaron a explotar esta temática.
Da novela de Robert L. StevensonO estraño caso do doutor Jekyll e o señor Hyde realizáronse unha ducia de versións cinematográficas. As máis célebres quizais sexan o clásico de Terence Fisher (1960) e, máis recentemente, esta Mary Reilly (1996), realizada polo director inglés Stephen Frears.
Frears (Leicester, 1941) naceu no seo dunha familia de orixe xudea. As súas películas sempre conteñen un certo ton de crítica social, coma A miña fermonsa lavandeiría, As amizades perigosas, Café irlandés, A camioneta, Alta fidelidade ou The Queen.
Para o guión de Mary Reilly, Frears baseouse da novela homónima da escritora Valerie Martin, publicada en 1990, que toma o texto de Stevenson coma punto de partida pero escolle unha criada do doutor coma narradora da historia.
A lectura proposta para o mes de decembro é O estraño caso do doutor Jekyll e o señor Hyde, unha pequena pero famosa novela dun escritor escocés chamado Robert Louis Stevenson. R.L. Stevenson é un escritor clásico, moi coñecido por ter escrito libros moi populares entre a xente nova, como por exemplo A illa do tesouro, A frecha negra, ou O señor de Ballantrae. A súa vida foi breve pero igual de emocionante cós seus libros. Naceu en Edinburgo no ano 1850 e morreu en Samoa e 1894. Si, morreu aos 44 anos, vítima dunha complicación da enfermidade que daquela era moi común: a tuberculose. Esta foi tamén a razón que o levou a deixar a súa fría e húmida cidade natal, Edinburgo, na busca dun clima máis beneficioso para os seus pulmóns. Así chegou despois de moitas viaxes ao Pacífico Sur e estableceuse en Samoa coa súa familia. Alí vivíu ata a súa morte. Os nativos de Samoa déronlle o alcume de Tusitala, que significa “o contacontos”. Os libros de Stevenson están cheos de aventura, e os seus protagonistas son homes de acción que se enfrontan a situacións nas que a loita entre o ben e o mal está sempre presente.