Feeds:
Artigos
Comentarios

Próximos libros

Seguindo as vosas propostas, os libros que se lerán no que queda de curso son os seguintes:

Xaneiro: O diario de Bridget Jones, de Helen Fielding.

Febreiro: El cartero de Neruda, de Antonio Skármeta.

Marzo: A honra perdida de Katharina Blum, de Heinrich Böll.

Abril: O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas.

Maio: A dama das camelias, de Alexandre Dumas.

Xuño: Seda, de Alessandro Baricco.

Claude Berri

Claude Berri (1934) é un director, actor, guionista e produtor cinematográfico francés. Gañou o premio BAFTA á mellor película por Jean de Florette. Foi nomidano dunha ducia de veces aos premios César, pese a que non o chegou a obter aínda. En 1966, gañou un Oscar pola curtametraxe O polo, premio ao que foi tamén nominado coma produtor polo filme Tess de Roman Polanski. Dirixiu tamén Nós os dous, Germinal (a película francesa máis cara ata o de agora) ou a adaptación da novela de Anna Gavalda Xuntos e máis nada.

Anna Gavalda

anna-gavaldaAnna Gavalda (1970) naceu nun suburbio de clase alta de París. En 1992 gaña o premio France Inter con A carta de amor máis fermosa. Mentres traballaba de xornalista, publicou a colección de relatos Quixera que alguén me agardase nalgures, que vendeu máis de setecentos mil exemplares en Francia e traduciuse a dezanove linguas. A súa consagración internacional chegaría no 2002 coa novela Eu amábaa. Nese mesmo ano publicou a novela xuvenil 35 quilos de esperanza, sobre estudantes de baixo rendemento académico pero de altos valores humanos.

No 2004 publicou Xuntos e máis nada, novela da que se faría unha adaptación cinematográfica. Na actualidade vive nas aforas de París. Ademais de dedicarse á literatura, é colaboradora da revista Elle.

Mark Herman

Mark Herman (1954) é un director de cine e guionista inglés. Traballou coma debuxante de banda deseñada, o que lle facilitou o acceso a películas de animación, que foi como se introduciu na industria cinematográfica. Ademais da recén estreada O neno co pixama a raias Herman dirixiu títulos coma Bótelle a culpa ao botóns, Tocando ao vento, Little voice ou Que pasada!

John Boyne

boyne1John Boyne naceu en Dublín (1971). Formouse no Trinity College e na Universidade de East Anglia. Escribiu as seguintes novelas: The thief of time, The congress of rough riders, Crippen, Next of kin ademais de The boy in the striped pyjamas, que foi un auténtico éxito de vendas e traduciuse a trinta e catro linguas. Vén de publicar a súa última novela, Mutiny on the Bounty.


François Truffaut (1932-1984) é un cineasta francés que formou parte da corrente cinematográfica denominada nouvelle vague [nova onda] que ensalzaba a vida e a liberdade. Amante do cinema americano, en particular de directores coma John Ford, Alfred Hitchcock ou Nicholas Ray, as súas películas son un canto ao amor, coma A serea do Mississippi, Jules e Jim, O home que amaba as mulleres… e ao ser humano e á súa liberdade, dende historias coma O pequeno salvaxe (sobre a alfabetización dun adolescente que foi abandonado ao nacer), Os catrocentos golpes (na que tamén defende a educación e a liberdade coma dúas caras da mesma moeda) ou a propia Fahrenheit 451. Faleceu aos cincuenta e dous anos debido a un tumor cerebral.

Ray Douglas Bradbury (nado o 22 de agosto de 1920 en Waukegan, Illinois) é un escritor de ciencia fición e de misterio.

Coñecido polos seus relatos breves de 1950 que deron lugar á colección de Crónicas Marcianas publicadas en 1950. É coñecido sobre todo pola súa novela Fahrenheit 451, que dá nome ao noso club e que leremos neste mes. Describe un mundo no que os libros están prohibidos e o pensamento crítico é perseguido. Tanto esta novela coma a colección de Crónicas Marcianas están traducidas ao galego.

Naceu de nai sueca e pai americano. O seu avó e bisavó foran editores de xornais. Dende pequeno rebelouse coma un ávido lector e incipiente escritor. Os seus primeiros dous libros Dandelion Wine e Something Wicked This Way Comes representan a cidade de Waukegan como “unha vila verde” e son autobiográficos. A familia de Bradbury viviu en Tucson, Arizona, dende 1926 a 1927 e dende 1932 a 1933, retornando sempre a Waukegan. Finalmente trasladáronse a Los Ángeles, California, en 1934 cando tiña trece anos.

Estudou ata bacharelato nesta cidade pero decidiu non ir á universidade. Para vivir tivo que dedicarse a vender periódicos, formándose a si mesmo nos lugares dos que sempre máis gustou, as bibliotecas. Influenciado polos heroes de ciencia ficción coma Flash Gordon e Buck Rogers, Bradbury comezou a publicar contos de ciencia fición en fanzines en 1938. A escribir como medio de vida dedicouse dende 1942. O seu primeiro libro, a colección Dark Carnival, foi publicado en 1947. Casou con Marguerite McClure en 1947, e ten 4 fillas.

Os filmes Chegou do espazo exterior (1953) de Jack Arnold, Fahrenheit 451 (1966) de François Truffaut e O ruído do trono (2005) de Peter Hyams están baseados nos textos homónimos de Ray Bradbury. Ademais, conta cunha páxina web oficial.

Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.